Este centro foi fundado no bar “O Teu Lar” o 15 de decembro de 1977, onde se xuntaba un pequeño grupo de galegos. Como eran poucos e comprometidos coa idea tiveron que afiliarse como socios os dous membros de cada matrimonio, e nalgúns casos, algún fillo, co obxectivo de conseguir o número de socios suficientes que exixía a lei para constituir unha sociedade recreativo cultural.
Os seus fundadores conseguiron integrar neste primeiro núcleo fundacional a importantes personalidades de Lleida, incluido o entón alcalde, de ascendencia galega.
Xa nesa época se crea un fondo bibliográfico coa aportación inicial dun ou máis libros por cada un dos socios. Este fondo foise incrementando constantemente coas aportacións dos socios e doazóns de diferentes entidadesm, ata chegar a un número considerable de volumes que supera os 2.500 actuais, dos cales uns 500 están escritos en galego.
Tamén crean o seu grupo artístico confeccionando as socias os traxes rexionais e establecen unha festa propia do Centro Gallego de Lleida: O Día de Breogán, que se celebra o primeiro domingo despois do primeiro luns de Outubro que procura celebrarse cada ano nunha localidade diferente da provincia, cunha Romaría Galega na que se invita a participar aos residentes da localidade onde se celebra a festa.
O seu primeiro emprazamento estivo na rúa Víctor Pradera, 3, onde alugaron un local. De seguido pasaron a outro local, tamén alugado, na rúa Lluis Campanys, e posteriormente pasaron á rúa Alcalde Costa, nº 1, instalación que tiveron que deixar debido a que o local viuse afectado pola remodelación da Praza de Catalunya, co obxecto de dar acceso á terceira ponte da Cidade de Lleida. Por este contratempo recibiron unha indemnización coa que pagaron unha pequena parte do novo local social na rúa Joc de la Bola, 20 baixo, que é onde se ubica o centro desde 1991, e inaugurada polo Señor D. Manuel Fraga Iribarne.
O local, cunha superficie duns 400 m2, conta con cafetería e restaurante, sala de xuntas, e salón de actos. O restaurante funciona en réxime de alquiler.
Ó Centro foille recoñecida a condición de galeguidade o 3 de marzo de 1988 e na actualidade conta con 718 socios, dos cales 519 son galegos.
A entidade é membro da Asociación de Entidades Culturales Gallegas de Catalunya.